martes, 22 de noviembre de 2011

Que foi de... Sonny Anderson

Os anos 90 foron unha época dourada para o fútbol brasileiro, no que a dianteiros se refire. Bo exemplo disto poderían ser o probablemente mellor ariete da historia do balompé: Ronaldo, pero do que tamén foron coetáneos outros coma Romario, Bebeto, Rivaldo, Élber, Jardel ou Careca, entre moitos outros. Quizais por isto, moitos recordarán levemente a figura de Anderson da Silva Nilmar, na miña opinión un auténtico prototipo de "9", aínda que non chegou a triunfar nun equipo grande.
Máis coñecido coma Sonny Anderson, este punta brasileiro comezou a súa carreira en Brasil no modesto XV de Jau. Logo pasou ao Vasco da Gama, co que quedou campeón do Brasileirão, aínda que foi despois dun ano no Guaraní cando foi fichado polo Servette suízo. Sonnygol - como sería apodado durante a súa época como futbolista- completou a súa primeira tempada en Europa con 20 goles en 35 partidos nada menos, e aínda completou unha segunda tempada en Suíza gañando a liga co Servette antes de ser traspasado ao Olympique de Marsella. Ao ano fichou polo Mónaco, onde completou 3 tempadas, sendo máximo goleador e futbolista do ano en Francia, e finalmente conquistando a Ligue 1.
Os espectaculares números de Anderson espertaron o interés de varios grandes do fútbol europeo, mais foi o FC Barcelona o que se fixo cos seus servizos. Non obstante, a irregularidade foi o grande hándicap que arrastrou o brasileiro na súa etapa azulgrana. Nos dous anos nos que formou parte do plantel do Barça gañou 2 ligas consecutivas (unha delas a canda a Copa do Rei completando o doblete do 98) ademais da Supercopa de Europa, compartindo vestiario con xogadores do talle de Figo, Rivaldo, Ciric Guardiola ou Luis Enrique. Aínda e todo, Anderson non convenceu. Na súa segunda tempada en Barcelona só conseguiu anotar 6 tantos, o que, xunto coa soada chegada do ariete Patrick Kluivert, propiciou a súa saída do clube, retornando á liga francesa.
Fichou polo Olympique de Lyon, onde o dianteiro viviu os seus mellores tempos como profesional, tocando o ceo debutando coa Canarinha. Voltou á Ligue 1, un campionato xa coñecía ben, e demostrouno coroándose como máximo goleador e galardoado como mellor xogador do torneo nos seus dous primeiros anos no OL, ademais de conquistar a Copa da Liga. A partires 2000/2001, quizais as lesións mermaron un pouco o seu rendemento, que foi de máis a menos, aínda que contribuiría á consecución do campionato ligueiro dous anos consecutivos (a primeira vez que o conseguía o Olympique de Lyon), coincidindo co inicio do reinado dos lioneses en Francia, cunha xeira que se estendeu a sete campionatos consecutivos.
Por aquel entón, o Vilarreal CF estaba a preparar un proxecto co que conseguiría converterse nun dos equipos máis fortes da Liga española. Benito Floro fixouse nel, e o dianteiro brasileiro firmou co equipo castellonense. Xunto a outros fichaxes de renome que Floro trouxo para o submarino amarelo (Jose Mari, Coloccini ou posteriormente Riquelme), Anderson volvería a ser Sonnygol, converténdose no máximo goleador da Copa da UEFA na súa primeira tempada no Vilarreal, e marcándolle un sonado gol ao seu ex-equipo: o FC Barcelona. Nun só ano O pistoleiro convertíuse en todo un ídolo para a afección de Vila-Real. Na súa segunda temporada, a idade e as lesións pasáronlle factura, e tan só puido disputar tres encontros co submarino, marcando un gol coa camisola amarela. O seu estado físico propiciou a súa marcha, cara a Qatar, onde xogaría dúas tempadas máis antes de retirarse do fútbol profesional.
Como anécdota están os seus pinitos como adestrador no Neuchâtel suízo. Nomeado o pasado mes de maio, aínda que só durou tres meses, debido a que carecía de carnet que o acreditase.